Saltar al contenido principal

AÏS

Antía Goyene, Laura Pozaco

ARTE PARA O RECORDO

FUNDACION AMADOR DE CASTRO 015

SÁBADO, 19 SETEMBRO 2026
MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

Arte, memoria e emoción no Museo de Belas Artes

 

Con motivo do Día Mundial do Alzheimer, o pasado 19 de setembro vivimos no Museo de Belas Artes unha xornada moi especial, organizada en colaboración coa Fundación Amador de Castro.

A actividade comezou cunha visita guiada á colección permanente do museo, acompañada por dous dos seus técnicos, que conduciron o grupo por diferentes obras e espazos da colección.

Durante o percorrido, a visita combinouse cunha intervención de danza contemporánea e violín a cargo da bailarina Antia Goyene e da violinista Laura Pozaco. A través do movemento e da música, a proposta estableceu un diálogo coas obras e co propio espazo do museo, incorporando novas formas de mirar, sentir e relacionarse coa arte.

A música estivo presente a través dunha selección de pezas adaptadas para violín, entre elas Alfonsina y el mar, de Ariel Ramírez e Félix Luna; Negra sombra, con poema de Rosalía de Castro e música de Xoán Montes; o Intermedio de La leyenda del beso, de Reveriano Soutullo e Juan Vert; e Muiñeira de Florencio, vinculada ao repertorio de Florencio «O Cego dos Vilares».

 

As artistas

 

Antia Goyene é artista escénica e audiovisual procedente da Coruña. A investigación corporal e o cruzamento de linguaxes son o eixo do seu traballo, que se nutre da danza contemporánea, urbana e do teatro físico. É docente desde 2025 na Universidade Antonio de Nebrija e creadora de pezas como La metamorfosis de las Ninfas (2023), 21 Almas en Movimiento (2024) ou Entre redes y espantapeces (2026).

Laura Pozaco é unha violinista galega cunha ampla experiencia no ámbito orquestral. Actualmente desenvolve a súa actividade coa Orquesta de Cámara Galega, tras colaborar con distintas agrupacións de Galicia, Cantabria e Madrid. A súa traxectoria caracterízase pola procura constante do diálogo entre a música e outras disciplinas artísticas, con colaboracións en proxectos de danza, circo e artes plásticas, levando o violín a contextos escénicos e expositivos nos que a interpretación musical convive con outras linguaxes creativas.

A xornada foi unha oportunidade para achegarnos ao museo desde outras perspectivas, deixando que as obras, a música e o movemento creasen un espazo de encontro, participación e emoción.

Unha experiencia compartida para celebrar o Día Mundial do Alzheimer desde a cultura e para seguir explorando novas formas de achegarnos á arte.

EQUIPO ARTÍSTICO

ANTÍA GOYENE | DANZA
LAURA POZACO | VIOLÍN