AÏS, seleccionada un ano máis na convocatoria de Cultura Accesible da Fundación EMALCSA, levará o proxecto «Aquamatrix» á 10ª edición de Festigual
A Asociación Cultural AÏS foi seleccionada un ano máis na convocatoria de axudas para proxectos de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación EMALCSA. Grazas a este apoio fundamental e continuado, a entidade pode consolidar a súa liña de traballo social e desenvolvemento creativo na cidade.
Co mecenado da Fundación EMALCSA e no marco do programa A Proxección Sonora do Festival RESIS, AÏS impulsou a instalación artística e multidisciplinar «Aquamatrix». Esta proposta explora a auga como símbolo de memoria, vínculo e transformación ecosistémica, sendo o resultado dun proceso didáctico e colaborativo no que participaron persoas de entidades como Aspronaga, FAXPG e a Fundación Nortempo. A través de saídas de campo ao encoro de Cecebre, a ETAP da Telva e a EDAR de Bens, xunto con obradoiros de creación plástica no MUNCYT, as participantes exploraron a rede hídrica da Coruña para dar forma a un conxunto de esculturas sonoras, condutos industriais e pezas audiovisuais que convidan á escoita activa.
Paralelamente, AÏS sumouse á presentación oficial da décima edición de Festigual (Festival de Artes Inclusivas da Coruña), certame que celebra dez anos de traxectoria promovendo a inclusión, a diversidade e a accesibilidade a través da arte. Dende a asociación queremos felicitar ao festival por este décimo aniversario e agradecer á Fundación EMALCSA a súa confianza constante para facer posíbel a nosa participación nun marco tan necesario.
A mostra de Aquamatrix poderá visitarse no marco de Festigual na sala expositiva do Centro Cívico Cidade Vella (Casa da Veduría) do 7 ao 14 de novembro.