AÏS asina o convenio co Concello da Coruña e a Fundación EMALCSA no marco do programa Cultura Accesible e Inclusiva
A Asociación Cultural AÏS participou onte no acto oficial de firma dos convenios da nova edición do programa Cultura Accesible e Inclusiva, presidido pola alcaldesa da Coruña e presidenta da Fundación EMALCSA, Inés Rey, xunto cos concelleiros Nereida Canosa, Gonzalo Castro e Manuel Vázquez.
A nosa entidade foi seleccionada un ano máis nesta convocatoria, na que se destinan preto de 100.000 euros a 15 proxectos culturais orientados a promover a inclusión social, a diversidade e a accesibilidade a través da creación artística na cidade.
Co apoio e o mecenado da Fundación EMALCSA, e no marco do programa A Proxección Sonora do Festival RESIS, AÏS desenvolve o proxecto «Aquamatrix», unha proposta artística e multidisciplinar que explora a auga e a rede hídrica da Coruña mediante saídas de campo, obradoiros de creación plástica no MUNCYT e a construción de esculturas sonoras xunto a participantes de entidades como Aspronaga, FAXPG e a Fundación Nortempo.
Dende a Asociación Cultural AÏS queremos agradecer ao Concello da Coruña e á Fundación EMALCSA a súa confianza continuada e o seu compromiso co fortalecemento do tecido asociativo e a cultura inclusiva na nosa cidade.