AÏS

Nikola Tanasković

SOLOS#3 [ CLAUSURA DA EXPOSICIÓN BARROCRACIA ]

DOMINGO, 14 SETEMBRO 2025, 12:30
MUSEO MUNCYT

INSCRICIÓN PREVIA:
689 57 87 27

O pasado 14 de setembro puxemos punto final a Barrocracia, a exposición de Rubén Panete que transformou durante semanas o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía nun espazo de silencio, interrogación e sensibilidade compartida. Unha proposta nacida no marco do Festival RESIS, que quixo experimentar cos límites do pedagóxico para convidar ao público a sentir e imaxinar sen mediacións, sen textos que condicionasen a ollada.

Barrocracia xogou coa tensión entre materia e estrutura, entre o que se explica e o que se deixa sen nome. E precisamente nese lugar de suspensión, de apertura, atopou o seu mellor eco a música de Nikola Tanaskovic.

Acordeonista de orixe serbia, formado en Novi Sad e no Conservatorio Superior de Música do País Vasco, Nikola desenvolveu unha traxectoria marcada polo compromiso co repertorio contemporáneo. Ten colaborado con compositores actuais, estreado obras en diferentes escenarios internacionais e explorado as posibilidades expresivas dun instrumento que, en mans súas, deixa de ser só acordeón para converterse en laboratorio sonoro, capaz de expandirse e dialogar coas estéticas máis radicais do noso tempo.

Na clausura, as súas interpretacións non foron un concerto ao uso, senón unha prolongación natural da exposición. As pezas vibraron na sala como se o barro e o son compartisen unha mesma materia: ás veces fráxil, ás veces densa, sempre en tensión. O público percorreu esta última etapa de Barrocracia entre instalación e música, entre silencio e resonancia, completando así unha experiencia que se quixo libre, aberta e profundamente sensorial.

Queremos agradecer ao MUNCYT por acoller este diálogo tan fértil entre arte contemporánea e ciencia, e a Rubén Panete pola súa imaxinación e dedicación. A súa capacidade para abrir novos territorios, para propoñer preguntas máis que respostas, fixo posible que Barrocracia se convertese en algo máis que unha exposición: unha experiencia compartida.

Pechar deste xeito, con música e comunidade, foi un final á altura do camiño percorrido. Un recordo inesquecíbel que, desde agora, forma parte tamén da memoria de AIS e do Festival RESIS.

EQUIPO ARTÍSTICO

NIKOLA TANASKOVIć
RUBÉN PANETE

PROGRAMA

Arne Nordheim: Flashing
Toshio Hosokawa: Melodia

José María Sánchez-Verdú: Arquitecturas del silencio

Sofía Gubaidulina: De profundis