Maite Masconi
O MAL DO AIRE
LUNS, 1 DECEMBRO 2025
BIBLIOTECA FÓRUM METROPOLITANO
A sesión dedicada a O mal do aire afondou na forza simbólica da mitoloxía galega e na súa capacidade para iluminar aquilo que permanece agochado na experiencia humana. Esta proposta procurou abrir un espazo onde a poesía, o mito e a emoción puidesen convivir, convidando ao público a entrar nun territorio onde o invisíbel cobra corpo.
A sesión xirou arredor da obra de Maite Masconi (Galicia, 1985), escritora e técnica cultural, cuxa traxectoria combina fantasía celta, distopía e literatura para a infancia. Neste poemario, Masconi mergúllase na idea do declive existencial e no medo á transformación, empregando figuras míticas e crenzas atávicas para explorar o tránsito, a perda e a inquedanza que acompaña toda vida.
A autora ofreceu unha lectura poética íntima e fonda, guiando ao público polas once historias que conforman o libro, nas que resoan ecos de tradición, natureza e espiritualidade popular. A intervención musical de Wilson Ortega, coa súa trompeta, ampliou a dimensión sensorial do recital, mentres que Lola Corzo proporcionou interpretación en lingua de signos, enriquecendo o encontro e converténdoo nun acto verdadeiramente inclusivo.
A presenza escénica de Maite abriu unha fenda entre a memoria da terra e a vulnerabilidade contemporánea, convidando a reflexionar sobre os medos herdados e aqueles que nacen do íntimo.A sesión pechou cun coloquio aberto, no que o público puido profundar nas claves do poemario, no proceso creativo da autora e na relación entre mito, emoción e identidade.
EQUIPO ARTÍSTICO
MAITE MASCONI
WILSON ORTEGA
LOLA CORZO